De ruta no XI Encontro do Barbanza

Hoxe cúmprese unha semana dende que rematara oficialmente o programa do Encontro Arqueolóxico do Barbanza, todo un fito na divulgación da arqueoloxía galega e podemos dicir, incluso que peninsular; do que xa van once edicións.

Trátase dun encontro organizado polo Centro Arqueolóxico do Barbanza e coordinado polo GEPN, cuxa última edición bateu récords de asistencia, unhas 300 personas. E non é de extrañar, dada a calidade das ponencias e prestixio dos ponentes. En Boiro xa están acostumados a recibir a xentes  da University College de Londres, da de Barcelona, Complutense, etc.

O nivel deste ano, non defraudou, con numerosas e ricas ponencias como por exemplo:

Parpalló y el arte paleolítico mediterráneo ibérico de Valentín Villaverde Bonilla (Universitat de Valencia).

Parpalló é un xacemento único, principalmente polo seu amplo número de plaquetas de pedra que se atopan gravadas (6.000 pezas) ou pintadas,  en época paleolítica. Ó igual que os petróglifos galegos, a arte paleolítica conta con problemas de datación, moitas veces so podéndose realizar de maneira indirecta, pero en Parpalló contan coa sorte de ter estas plaquetas en niveis arqueolóxicos, asociados a materias líticos e orgánicos, datables. No caso dos motivos representados, hai cabalos, cabras, cervos, bisontes, renos e abundantes signos, repartidos nunha cronoloxía duns 14.000 anos o que se correspondería cunhas 540 xeracións…

Plaqueta de Parpalló. Imaxe:  http://parpalloborrell.gandia.org

Moimenta enterrada: escavacións en Chan do Cerqueiro e Coto do Espiño (S. Xoián de Macenda, Boiro) de Carlos Rodríguez Rellán e Ramón Fábregas Valcarce (USC).

Trasladámonos agora a unha época máis recente e xeográficamente máis próxima, no Barbanza. Neste caso, nunha zona de amplo control de paso e visual realizouse unha escavación de gran detalle, chegando a permitir recuperar esquirlas líticas de poucos cm e identificar as pezas das que saíron. A nivel cerámico documentáronse elementos de tipo Penha con incisións e impresións en triángulos, espigas e zigzags, que nos remontan ó 2.700-2.200 a.C. Unha época precampaniforme, cando comeza a visibilizarse o fenómeno doméstico e o inicio da territorialidade, algo patente na violéncia cuxa expresión no xacemento é o enorme número de puntas de frecha identificadas; realizadas en cuarzo, sílex, lousa, etc. Trátase do cuarto xacemento galego en número de puntas e incluso chegáronse a constatar elementos de ocre pulido, algo xeralmente empregado para a realización de cola de coello, que permite enmangar as puntas.

Imaxe: Centro Arqueolóxico do Barbanza

Sobre as néboas do Miño. Novos datos de monte Trega (A Guarda) de Rafael Rodríguez Martínez (Deputación de Pontevedra).

Situámonos agora nun xacemento senlleiro, tanto pola súa singularidade histórica como xeográfica, que o convirten nun dos lugares máis visitados de Galicia, a nivel turístico o castro de Santa Trega. A Deputación de Pontevedra ven de reexcavar un área non moi coñecida do castro, o barrio de Mergelina, escavado en 1914 e cuxa información da escavación, non chegou completa ata os nosos días.

O proceso de reexcavación  dun xacemento é sempre unha estratexia curiosa, na que se poden identificar os métodos de escavación do pasado, por exemplo, como moitos dos materiais eran desbotados en 1914, en especial as ánforas Haltern 70. Durante o proceso de escavación reafirmáronse as teses sobre as murallas internas do Trega, realizadas en orixe, dunha maneira rápida e con escaso valor defensivo, máis ben a modo de separación de barrios. A intervención deu como resultado un conxunto de 42.000 materiais e nivel estructural evidenciáronse edificios con pechadura, ou a coñecida como “gruta do Trega” unha estrutura en negativo cuxa funcionalidade non é clara.

Imaxe: Voz de Galicia

Intervencións arqueolóxicas no Castro e Castelo do Casón (San Andrés de Veiga, Ortigueira) de Eduardo-Breogán Nieto Muñiz (Breogán Arqueoloxía).

O proxecto de intervención no castelo do Casón, supuxo a limpeza e documentación arqueolóxica deste castelo medieval, para a súa posterior divulgación e posta en valor. Durante a escavación, constatouse un complexo sistema defensivo, con varias portas, unha delas repechada. Sendo o máis singular, os revocos de cal aínda conservados nos paramentos do castelo, o que nos fai pensar nun posible castelo branco, dominando a ría de Ortigueira. Como sorpresa, baixo os niveis medievais, identificáronse os restos dun castro do século I a.C.

Imaxe: elcorreogallego.es

La estructura socio-económica de los primeros agricultores de Portugal de Antonio Faustino Carbalho (Universidade do Algarve)

Ó sur da, como cantaría Zeca Afonso; Coimbra do Mondego, comeza ese Portugal menos galego, con fortes singularidades a nivel cultural e climático. Será desta terra alentejana e estremeña sobre a que verse a ponencia. Vemos como as primeiras intervencións de urxencia na zona son levadas en temperás datas como a década dos 70. As datacións para este primeiro neolítico portugués son 5650 e 5359 BC. A nivel xeral vemos un neolítico de colonización a través das costas mediterráneas en competencia cos grupos mesolíticos autóctonos. Unha teoría posta a proba a nivel arqueoexperimental seguindo o modelo dunha piragua neolítica atopada no lago italiano de Bracciano.

Réplica da canoa neolítica navegando polo Mediterráneo. Imaxe: http://indigenousboats.blogspot.com.es

Unha vez rematadas as ponencias, a fin de semana do 4 e 5 de marzo, as xornadas continuaron con visitas a xacementos e equipamentos culturais. Dende Estela tivemos a sorte de poder guiar unha destas visitas, a do domingo ó concello de Bueu, dende aquí aproveitamos para dar ás grazas á organización, moi especialmente a Víctor Barbeito.

A primeira das paradas foi en Marín, nos petróglifos de Mogor, onde persoal de Anta de Moura, entre os que se atopaba Juan Carlos Castro Carrera, nos guiou polas distintas estacións destes senlleiros petróglifos marinenses así como polo seu centro de interpretación.

A seguinte parada foi en Bueu, no Museo Massó, onde realizamos un percorrido pola historia na navegación a través das pezas senlleiras do museo, coma o diario de Isaac Peral, o diario das espedicións de Blas de Lezo ou a xeografía de Ptolomeo. Outro dos puntos tratados foi a historia de Bueu en relación coa conserva, xa que en Bueu dase un caso especial, no mesmo solar onde ata fai poucos anos se atopaba a fábrica de conservas Alonso, uns 2000 anos antes había tamén unha factoría de conservas romana, a factoría de salgadura de Pescadoira, durante cuxa escavación se documentou o único, polo momento, forno de ánforas do noroeste da Península Ibérica. Un forno que cocía un tipo específico de ánfora, a San Martiño de Bueu. Puidemos ver algúns dos seus materiais para posteriormente dar un salto temporal e incorporarnos ó universo Massó, cos materiais da gran empresa conserveira galega e europea, Massó Hermanos SA. Grazas á esposición temporal nos achegamos a unha técnica secular, de aproveitamento mariño, a caza da balea, tamén explotada polos Massó.

Cheminea Massó Imaxe: Ezequiel Lago Mallo

Xa fora do museo, puidemos comprobar que quedou de todo ese pasado conserveiro en Bueu, a chimenea da fábrica, as súas casas e mesmo actividades directamente ou indirectamente relacionadas coa conserva, evidenciadas no estaleiro de ribeira de Purro.

Así remataron as xornadas de visita deste XI Encontro Arqueolóxico do Barbanza e xa estamos inquedantes ante a próxima edición!

Comments are closed